sábado, 27 de enero de 2018

AMAÑECIA

Éste é o microrelato co que, humildemente, participei no Libro Colectivo de Homenaxe a Manuel María. Editado pola Diputación de Lugo para o seu día das Letras Galegas 2016. Un honor formar parte desta magnífica obra. Premonitorio????? A saber...


Paseniño o coche deslizábase pola estrada nunha noite escura e tenebrosa. Amodo pero sen pausa, facía o seu percorrido, mentres os soños do seu único pasaxeiro quedaban nunha vila morta e a soidade ficaba como única acompañante.
Fumando, vendo como en cada calada de fume expulsado, marchaban tamén os seus sentimentos. Baleiro de ilusión, cheo de penas. Choraba.
En cada bágoa que escorregaba polo seu rostro, arrastraba os últimos vestixios da súa estancia naquela casa. Anos da súa vida compartida con quen máis quixo. Deus!!! Que foi aquilo que fixo tan mal? Que puido acontecer para rematar co sorriso dun anxo, dunha deusa, dunha fermosa princesa?
Non era quen de recordar. Non podía pensar. Tremaba.
Escoitaba unha voz… unha melodiosa voz. Só estaba na súa cabeza. Un poema, uns versos que a súa nai lle recitara moitas veces de neno. Dicíalle que eran dun poeta da terra, dun labrego con algo de poeta, da alma dun pobo.
“Sen metafísica poética digo o meu mensaxe:
vivide.
Sen berros que cheguen as entrañas:
vivide. Vivir sempre.
Vivir agora, denantes e despois”
Así o quería facer. Quería vivir, sen máis. Deixar atrás todo o pasado. E seguir até onde o levase o destino. Vivir sempre. Mesmo cando se está a morrer de pena e de tristura. Pouco a pouco, deixarse levar…A noite non é eterna, a escuridade non é para sempre. Os recordos permanecen, máis as ausencias adormecen as almas e calman a dor .
Amañecía…E ao lonxe volvía a vida…

Mina.

No hay comentarios:

Publicar un comentario